luns
Consumismo
A sociedade dexenerou seriamente. Hoxe en día a xuventude deixa moito que desexar, e hei de admitir que os medios de comunicación teñen gran parte da culpa.
Continuamente avasálannos con produtos e prendas pensadas para acadar o ideal de beleza que nos venden e nós, obedientes, intentamos acadar a toda costa.
Esta absurda obsesión pola moda-imaxe crea escravos e escravas dunha moda que, lonxe de ser exclusiva, uniforma a poboación.
A roupa, o que non fai tanto tempo era unha forma de expresar a personalidade e a liberdade individual, hoxe só representa a cantidade de ceros de cada conta bancaria.
Querendo ou sen querer, frivolizamos a arte da moda. As persoas xa non consideran que existan máis opcións de vestiario que o de Inditex e semellantes, e tratan de conseguir a orixinalidade dentro destes canons.
Moi pouca xente entende que o orixinal nestes tempos que corren é ser capaz de pensar por un mesmo, de ver máis alá da avalancha de información trivial e manipulada e, de interesarse por temas realmente importantes para a sociedade.
Tal vez haxa un interese oculto en tanta parafernalia mediática, tal vez aos magnates que controlan o mundo non lles beneficia que a xente moza teña voz, opinión acerca da política, da economía, da igualdade... Tal vez por iso venden a moda como exclusiva cando o exclusivo, na miña opinión, non necesita venderse nin publicitarse.
Gozar da literatura de Austen ou ver un documental é, actualmente, moito menos común que ter unhas Hunter ou unhas Slam.
Reformulemos as nosas prioridades; a orixinalidade está en non ser superficial.
Antía Davila
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario