Slide

xoves

Os dez animais mais intelixentes do mundo




No reino dos Metazoos existe unha gran diversidade de especies que presentan o que nos denominamos “intelixencia” xa sexa instintiva, racional ou racional baixo adestramento. Como  a palabra intelixencia é un termo moi complicado á hora de definilo, para poder clasificar aos membros animais deste modo tense en conta varios factores como a capacidade para resolver problemas, o entendemento, a maneira de relacionarse entre eles, etc.


10.O polvo


É o invertebrado máis intelixente, xa que teñen un alto grao de desenvolvemento neurolóxico e unha enorme capacidade de aprendizaxe. Valéndose dos seus brazos, estes seres investigan, senten e recoñecen texturas do seu medio as cales despois recordan para poder conseguir alimento.Ademais teñen unha extraordinaria capacidade para adecuarse ao medio e ata, en probas de laboratorio, estes animais conseguen abrir frascos para obter a comida que se atopa no seu interior.

9.A pomba.



A habilidade que máis chama a atención da pomba é a súa capacidade para recordar imaxes, incluso anos despois de velas; poden recoñecerse nun espello e se se lles ensina poden percorrer longas distancias. Antes da aparición da tecnoloxía, esta capacidade foi moi utilizada para a comunicación a distancia.


8.O esquío.


Este roedor, posúe unha sorprendente capacidade para reter información gráfica e unha gran memoria, así como unha gran capacidade para desenvolver estratexias que lle son fundamentais para alimentarse e sobrevivir como, por exemplo, a forma na que estes pequenos animais recollen, gardan e racionan os alimentos para abastecerse durante épocas nas que o clima vólvese moi duro.




7.O porco.


Este animal sobresae pola súa capacidade para adaptarse a toda clase de condicións e sobrevivir. De feito converteuse nunha das mascotas preferidas da xente ao igual que os cans e os gatos por esta flexibilidade de adaptación. En todas as rexións onde o porco foi introducido polo ser humano, este competiu coas especies nativas e rematou con moitas delas, o que asegura a súa intelixencia e capacidade para resolver calquera situación en pos da súa supervivencia.

6.O corvo.

É a ave máis intelixente. Posúe métodos de comunicación únicos xa que son capaces de sinalar cos seu pico de xeito parecido a nós cos nosos dedos. Teñen unha gran memoria e forman lazos socias. Así, cando abandonan o niño forman unha bandada con outros corvos da súa idade ata que atopan unha parella.


5.O elefante.

Estes mamíferos ademais de posuíren unha enorme capacidade para memorizar e recordar, sábese que limpan os seus alimentos cando a inxesta destes pode resultar perigosa e tamén utilizan ferramentas da natureza.
Os elefantes en cativerio aprenderon a seguir diversas ordenes ditadas por humanos, pero o que máis chama a atención deles é o que parece ser unha mostra de comprensión e compaixón cara a outras especies de menor tamaño, o cal é considerado como unha forma moi avanzada de intelixencia.

4.O orangután.



Estes simios, tanto en cativerio coma na natureza, son capaces de utilizar ferramentas, resolver diversos problemas, trabar fortes lazos sociais e ter un alto desenvolvemento comunicacional. Todo isto é grazas as súas grandes capacidades cognitivas.





3.O golfiño.



É  a especie mariña máis intelixente. Son moi sociais e forman comunidades incribles, capaces de resolver problemas, cunha linguaxe desenvolvida que lles permiten comunicarse, usar ferramentas e diversas estratexias para capturaren presas ou defenderense de perigos.


2.O chimpancé.


É o animal máis parecido a nós, aínda que a súa intelixencia está lonxe da nosa é a de maior grao despois da do ser humano. Usa ferramentas constantemente, pode cazar e recoller alimentos colectivamente, onde cada membro asume e desenrola un rol determinado. Tamén realizan sinais para comunicarense e teñen unha gran memoria. O máis sorprendente do chimpancé é a súa capacidade para utilizar símbolos e establecer unha referencia en relación con obxectos.



1. O ser humano.

O ser humano é o animal máis intelixente da Terra entre outras cousas pola súa intelixencia emocional.



                                                                        Susana Pérez Gomes-Ortigão.    1º Bach  C

Ningún comentario:

Publicar un comentario