Slide

venres

Ata sempre.

Seis anos que levo no Santa Irene e aínda recordo coma se fose onte a primeira vez que crucei as súas portas, no 2008, cunha mochila de flores repleta de libros, libretas, medo, un pouco de vergoña, pero sobre todo ilusión por unha nova etapa que comezaba.
Ao longo de todos estes anos aprendín moitas cousas, crecín e madurei, coñecín a xente incríbel, amigos que sempre estarán comigo aínda que agora os nosos camiños se dividan, e aínda que tamén houbese malos momentos e bágoas, coma na vida mesma. É verdade iso que din de que só te quedas cos mellores momentos cando unha experiencia foi boa; sen dúbida que esta o foi e levo o seguiente:

Dos primeiros anos da ESO quédome cos entroidos de primeiro, que tras moitos anos de ésforzo por parte do alumnado, por fin se conseguiran e agora temos que intentar mantelos participando. Quédome tamén con Encarna, con Araceli e os seus "lanzamentos pola ventá", coas clases de ximnasia, que melloran cos anos, con Manolo, con Salvador, con Pepe, con Fátima, Isabel e as excursións. Con Mari Carmen e as súas clases de Naturais cargadas de vivencias persoais ou tamén, aínda que soe absurdo, co magnetófono da clase de inglés de segundo. E por suposto quédome con Fermín, o meu peculiar profesor de matemáticas durante tres anos e do cal aprendín algo moi importante, "o que non se sabe explicar, non se sabe".

Chega o temido terceiro da ESO, e con el, Viéitez, Conchita e Catuxa, que sen dúbida son os profesores cos que máis rin ao longo destes anos. Tamén chega o empezar a estudar un pouquiño con Elvira ou Laura e as mellores clases de ximnasia da man de Touza e Vicente. Pero sobre todo quédome con Torrado, unha das mellores persoas que coñecín neste instituto xunto co meu queridísimo Sindo.
E chega cuarto e a fin dunha etapa. Quédome con Ana e as súas clases de Historia e por suposto con Berni e Isabel. E evidentemente quédome coa excursión a Valencia que tanto custou conseguir no seu momento e que sen dúbida mereceu a pena.

No meu caso, pasaría a primeiro de bacharelato no Santa Irene, un ano de cambios, de novas caras, e para algúns de empezar a estudar de verdade.
E ao final chegou segundo de bacharelato. Non sei os demais, pero eu pensei que nunca chegaría. Sempre estaba lonxe, impondo, pero dende lonxe, igual que os dezaoito. Non obstante, aínda que con feridas de guerra tras este duro curso que sen dúbida foi una carreira de fondo, aquí estamos. A dúas semanas de que todo remate. A dúas semanas de graduármonos. A dúas semanas de dicirlle adeus ao Santa Irene e de darlle a benvida a unha nova etapa, seguro que tan fascinante coma esta. Pero a pesares de dicirlle adeus, ou mellor dito, para que soe menos dramático, ata logo, todos os recordos entre estas catro paredes sempre permanecerán connosco. Despídome do instituto ao que nunca esquecerei. Grazas e ata sempre.

Marta Mendía Sertal, 2º C

Ningún comentario:

Publicar un comentario