Slide

venres

Poema á Natureza

Envellece o tempo e non esquezo
aquelas terras castaño e verdes
onde a floresta sempre fresca e suave
parece bicarte os pés como beizos.

Así anida a morriña no meu peito
mentres lembro o cantar dos pinos
que maxestuosos, case diviños, 
bailaban ao son do vento. 

E amei o bosque dende neno,
cando por primeira vez inspirei aquel perfume,
o mellor perfume de todos, 
que era o das flores a sotavento. 

Os mellores cantores están alá, 
nunca lles falta inspiración
e sen instrumentos cantan belas melodías, 
que alegran ata o máis triste corazón. 

Aprendín sabias leccións da natureza
que todos estamos ligados por fíos
e cando un rompe
os demais poden caer ao vacío. 

Aprendín moito da natureza
e aínda que nos afastemos dela
non podemos esquecer
que da terra saímos e á terra volveremos.

(Poema gañador do 1º Premio do certame artístico-literario Santa Irene 2016 na categoría de poesía)

domingo

A realidade do acoso escolar


 

Xeralmente, cando alguén nos menciona a palabra bullying ou acoso imaxinámonos ao típico neno americano de película, pequeniño e cunha mochila moito máis grande ca el, ao que tres matóns sete veces máis altos e fortes fisicamente lle rouban a merenda ou o meten no cubo do lixo. Non obstante, o bullying é algo real afastado da gran pantalla e non está unicamente restrinxido ás extravagantes escolas dos Estados Unidos. Repito, o bullying e a discriminación son situacións reais que se dan na nosa cidade, no noso instituto, no noso barrio ou mesmo na nosa veciñanza.
A cuestión é que o acoso comeza un día sen saber por que, pero comeza. Alguén che sinala por algunha razón que só el sabe e que os demais seguen e fomentan, sen deterse a pensalo. O primeiro poderían ser empuxóns; os risos en clase xunto a berros de "Chapón!" ou comentarios do tipo de "Xa está o de sempre" despois de responder ás preguntas formuladas polo profesor. Os murmurios cando entras pola porta da aula e que afunden o teu día; que ignoren por completo os teus intentos de iniciar unha conversa. Pois hai mil e un xeitos de facer da vida dunha persoa un verdadeiro inferno.
A partir dese momento a vítima, comezará a preguntarse unha e outra e outra vez que é o que fixo mal para merecerse esa actuación por parte dos que el considera os seus compañeiros. Pero, por suposto, non atopará unha resposta. Ás veces terá a leve esperanza de que o profesor se decate do que está a ocorrer e interveña no asunto. Pola súa, aínda, ilusa mente aparecerá a posibilidade de que os seus pais noten que está distinto, que algo cambiou nel e no seu xeito de actuar, que o seu sorriso habitual foi substituído por unha profunda cara de decepción e tristeza, de dúbida. Pero nada ocorre e o acoso segue botando as súas raíces, día tras día, hora tras hora, con novos métodos, pois chegarán incluso a estender rumores totalmente falsos da vítima polo instituto como unha enfermidade contaxiosa. Agora todos o miran mal. Todos. Incluso os profesores escoitaron os rumores e desconfían. E non fan nada. A tristeza e a decepción que antes existían nos ollos da vítima esfúmanse, dando paso a un rostro inexpresivo, sen vida, sen esperanza algunha, que non atopa o sentido da vida.
Non lle dirá nada aos seus pais, por suposto. Para que? Nótase que ata eles o miran raro. Xa non pode confiar en ninguén. Os acosos chegan á pantalla, ás redes sociais. Dende insultos e burlas en tweets, ata comentarios bochornosos e denigrantes nas súas imaxes de Instagram. A vítima sente que non vale nada, pero nada. Nin sequera chega a entender por que naceu, e como é que lle permiten seguir vivindo.
O final da historia da vítima pode ser moi variado. Moitos consideraron o suicidio como a única maneira de escapar, pois non atopan nada no mundo polo que deban continuar respirando. Outros reclúense, perden calquera clase de vida social e escóndense dentro de si mesmos, sen confiar en ninguén. Tal vez nunca poidan volver a facelo. De calquera xeito, as súas vidas foron esnaquizadas.
Con que dereito pode crerse unha persoa para facerlle isto a un igual, a un ser humano?
O principal problema é que para o acosador calquera escusa é boa para atacar a alguén. Serve calquera cousa, con tal de que esta se saia do que eles consideran correcto e común. Discriminarante sen pensalo un segundo se es alto, se es baixo, se tes algo de sobrepeso, se estás moi delgado, se es unha rapaza e non utilizas saias ou se es un mozo e pintas os ollos. Debemos lembrar, ademais, que moitos dos acosadores foron antes vítimas, e que os papeis non está fixos, o día de mañá pódelle tocar a un mesmo atoparse nalgún dos dous lados.
Aínda por riba hoxe en día os adolescentes conforman unha gran masa uniforme, gris. Cando saes dos estereotipos dese conxunto xa es considerado raro, distinto. Pola contra, eu non concibo o ser diferente como algo malo, máis ben todo o contrario. Para min buscar algo alternativo a ese estereotipo xa imposto, ben pola sociedade ben polo mundo da industria e do consumo, significa posuír unha personalidade propia, unhas ideas propias, uns gustos que son de teu, porque sénteste ben e xa está. Nós vivimos eses, xa duros de por si, anos de adolescencia con temor. Se é que incluso chegan a criticarte por estudar, por ler en lugar de vivir apegado a móbil coma un parasito, por querer coñecer que é o que ocorre no mundo e soñar con intentar cambialo.
Temos que evitar todo isto, porque sen dúbida é perfectamente posible. Promovamos unha educación baseada na igualdade da diferenza, na que ensinemos aos nenos dende pequeniños a aceptarse, a respectarse entre eles. Ensinémoslles a querer a todas as persoas por moi diferentes que sexan, pois todos somos iguais en dereitos, todos somos seres humanos e temos o dereito e a liberdade de ser nós mesmos, sen xuízos, sen acosos, sen risos e murmurios, sen vivir aterrados e querer abandonar a vida cando só acaba de comezar.
E agora eu chamo aos profesores, aos pais. Necesitamos a vosa intervención moito antes de que esteamos tan esnaquizados que non queiramos nin aceptar a vosa axuda. Hai que tomar cartas no asunto xa, agora mesmo, desde hoxe, pois en calquera punto da cidade algún mozo ou moza pode estar formulándose se merece realmente vivir. Pois en calquera lugar do noso instituto pódense estar escoitando caer as bágoas dun neno que non sabe que facer, que sinxelamente non entende nada do que ocorre. Pois en calquera lugar da túa aula, pode haber un pupitre separado dos demais, cunha nena sentada, unha nena cuxa mirada xa non expresa nin decepción, cuxos ollos hai moito tempo que perderon o sorriso.