Xeralmente,
cando alguén nos menciona a palabra bullying
ou acoso imaxinámonos ao típico neno americano de película,
pequeniño e cunha mochila moito máis grande ca el, ao que tres
matóns sete veces máis altos e fortes fisicamente lle rouban a
merenda ou o meten no cubo do lixo. Non obstante, o bullying
é algo real afastado da gran pantalla e non está unicamente
restrinxido ás extravagantes escolas dos Estados Unidos. Repito, o
bullying
e a discriminación son situacións reais que se dan na nosa cidade,
no noso instituto, no noso barrio ou mesmo na nosa veciñanza.
A
cuestión é que o acoso comeza un día sen saber por que, pero
comeza. Alguén che sinala por algunha razón que só el sabe e que
os demais seguen e fomentan, sen deterse a pensalo. O primeiro
poderían ser empuxóns; os risos en clase xunto a berros de
"Chapón!" ou comentarios do tipo de "Xa está o de
sempre" despois de responder ás preguntas formuladas polo
profesor. Os murmurios cando entras pola porta da aula e que afunden
o teu día; que ignoren por completo os teus intentos de iniciar unha
conversa. Pois hai mil e un xeitos de facer da vida dunha persoa un
verdadeiro inferno.
A
partir dese momento a vítima, comezará a preguntarse unha e outra e
outra vez que é o que fixo mal para merecerse esa actuación por
parte dos que el considera os seus compañeiros. Pero, por suposto,
non atopará unha resposta. Ás veces terá a leve esperanza de que o
profesor se decate do que está a ocorrer e interveña no asunto.
Pola súa, aínda, ilusa mente aparecerá a posibilidade de que os
seus pais noten que está distinto, que algo cambiou nel e no seu
xeito de actuar, que o seu sorriso habitual foi substituído por unha
profunda cara de decepción e tristeza, de dúbida. Pero nada ocorre
e o acoso segue botando as súas raíces, día tras día, hora tras
hora, con novos métodos, pois chegarán incluso a estender rumores
totalmente falsos da vítima polo instituto como unha enfermidade
contaxiosa. Agora todos o miran mal. Todos. Incluso os profesores
escoitaron os rumores e desconfían. E non fan nada. A tristeza e a
decepción que antes existían nos ollos da vítima esfúmanse, dando
paso a un rostro inexpresivo, sen vida, sen esperanza algunha, que
non atopa o sentido da vida.
Non
lle dirá nada aos seus pais, por suposto. Para que? Nótase que ata
eles o miran raro. Xa non pode confiar en ninguén. Os acosos chegan
á pantalla, ás redes sociais. Dende insultos e burlas en tweets,
ata comentarios bochornosos e denigrantes nas súas imaxes de
Instagram.
A vítima sente que non vale nada, pero nada. Nin sequera chega a
entender por que naceu, e como é que lle permiten seguir vivindo.
O
final da historia da vítima pode ser moi variado. Moitos
consideraron o suicidio como a única maneira de escapar, pois non
atopan nada no mundo polo que deban continuar respirando. Outros
reclúense, perden calquera clase de vida social e escóndense dentro
de si mesmos, sen confiar en ninguén. Tal vez nunca poidan volver a
facelo. De calquera xeito, as súas vidas foron esnaquizadas.
Con
que dereito pode crerse unha persoa para facerlle isto a un igual, a
un ser humano?
O
principal problema é que para o acosador calquera escusa é boa para
atacar a alguén. Serve calquera cousa, con tal de que esta se saia
do que eles consideran correcto e común. Discriminarante sen pensalo
un segundo se es alto, se es baixo, se tes algo de sobrepeso, se
estás moi delgado, se es unha rapaza e non utilizas saias ou se es
un mozo e pintas os ollos. Debemos lembrar, ademais, que moitos dos
acosadores foron antes vítimas, e que os papeis non está fixos, o
día de mañá pódelle tocar a un mesmo atoparse nalgún dos dous
lados.
Aínda
por riba hoxe en día os adolescentes conforman unha gran masa
uniforme, gris. Cando saes dos estereotipos dese conxunto xa es
considerado raro, distinto. Pola contra, eu non concibo o ser
diferente como algo malo, máis ben todo o contrario. Para min buscar
algo alternativo a ese estereotipo xa imposto, ben pola sociedade ben
polo mundo da industria e do consumo, significa posuír unha
personalidade propia, unhas ideas propias, uns gustos que son de teu,
porque sénteste ben e xa está. Nós vivimos eses, xa duros de por
si, anos de adolescencia con temor. Se é que incluso chegan a
criticarte por estudar, por ler en lugar de vivir apegado a móbil
coma un parasito, por querer coñecer que é o que ocorre no mundo e
soñar con intentar cambialo.
Temos
que evitar todo isto, porque sen dúbida é perfectamente posible.
Promovamos unha educación baseada na igualdade da diferenza, na que
ensinemos aos nenos dende pequeniños a aceptarse, a respectarse
entre eles. Ensinémoslles a querer a todas as persoas por moi
diferentes que sexan, pois todos somos iguais en dereitos, todos
somos seres humanos e temos o dereito e a liberdade de ser nós
mesmos, sen xuízos, sen acosos, sen risos e murmurios, sen vivir
aterrados e querer abandonar a vida cando só acaba de comezar.
E
agora eu chamo aos profesores, aos pais. Necesitamos a vosa
intervención moito antes de que esteamos tan esnaquizados que non
queiramos nin aceptar a vosa axuda. Hai que tomar cartas no asunto
xa, agora mesmo, desde hoxe, pois en calquera punto da cidade algún
mozo ou moza pode estar formulándose se merece realmente vivir. Pois
en calquera lugar do noso instituto pódense estar escoitando caer as
bágoas dun neno que non sabe que facer, que sinxelamente non entende
nada do que ocorre. Pois en calquera lugar da túa aula, pode haber
un pupitre separado dos demais, cunha nena sentada, unha nena cuxa
mirada xa non expresa nin decepción, cuxos ollos hai moito tempo que
perderon o sorriso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario